La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dun tempo a esta parte atópome co raposo con certa frecuencia. Hai dous días aínda, volvendo de Santiago pola noite, saíume preto de Pontevedra. Foi na autoestrada, a iso das doce, e pareceume que debía ser vellote porque non se apurou moito a atravesar, como se tivese a experiencia de facelo outras veces e fose capaz de calcular a velocidade dos automóbiles. Tanto que metín o freo, pois deume a sensación de que o podía pillar. Con ese motivo mireino a escasa distancia, non máis de cinco ou seis metros.

Era guapo, co xesto serio dun señor de certa idade, educado e comedido. Naturalmente que tiña o aire de pillabán que lles corresponde aos da súa especie, se me está permitido xeneralizar, pero disimulado por un porte  digno, quizais algo soberbio, que se traduciu nunha mirada distante, aínda que atenta e moi cauta.

Para velo mellor, baixei a fiestra do coche que quedaba do lado del e que non quedaba do meu. Escoitar a baixada suave do cristal e pegar un pincho para fuxir foi todo un: cuestión de segundos. Escuso dicir que eu non levaba mala intención de ningún tipo e que, se puidésemos entendernos,  confesaríalle abertamente a simpatía que sinto por el. De todas maneiras, entendo o seu comportamento. Posto no seu pelexo, eu faría outro tanto. Sendo un animal de Deus, coa xente hai que ter sempre moito coidado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xaneiro de 1997.