La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha tarde de verán, haberá doce ou trece anos, pasei unhas horas con Artur Lundkvist na súa casa do barrio de Solna, en Estocolmo, falando de literatura. Saín de alí con dúas impresións: a primeira, que Jorge Luis Borges non recibiría nunca o Premio Nobel, como sucedeu, pois resultaba evidente que o escritor arxentino non lle resultaba simpático ao sueco; a segunda, que Octavio Paz tiña posibilidades de conseguir o galardón, como ocorrería uns anos despois, xa que o mexicano, en cambio, caíalle moi ben.

Daquela, Lundkvist mandaba moito na Academia, que é a encargada de conceder o premio. Un día insistinlle moito a Torrente Ballester, que nestas cousas é un pasota encantador, na necesidade de que aproveitase unha viaxe que ía facer a Suecia para que se encontrase con aquel. Finalmente, conseguín que se visen.

Polo que Lundkvist escribiu nun diario sueco, quedou moi impresionado por Torrente e pola súa obra, que eloxiou con entusiasmo. Pouco despois, sufriu un ataque ao corazón e perdeu todo protagonismo na Academia. A pesar de ser un dos homes máis poderosos do mundo literario, era tamén unha persoa normal, como ese científico do que falaba onte aquí, que lía revistas de cotilleo. Tan normal que el mesmo ía vender ás librerías de vello moitos dos libros que lle enviaban dedicados. Iso si, arrincáballe antes as dedicatorias.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xaneiro de 1996.