La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo principio dos anos oitenta, no século pasado, un día atopei na rúa a un político galego que actualmente desempeña unha dirección xeral na Xunta de Galicia e que tiña mal aspecto. Estaba pálido e demacrado, cos ollos afundidos e un estado de ánimo moi baixo. Antes de que eu lle preguntase qué lle sucedía, xa se adiantou el para dicirme que se atopaba fatal como consecuencia dun accidente de automóbil que sufrira perto do Carballiño, onde residía, cando o coche que conducía saíu da estrada e foi caer a un campo próximo. Recordo que era por estas datas de nadal nas que estamos agora e que ía moitísimo frío.

O que me sorprendeu foi que, polo menos aparentemente, o meu amigo non presentaba sinais de estar ferido, nin sequera de padecer algún negrón ou mazadura. Pensei que a procesión ía por dentro, cando el mesmo me aclarou: —«Non, o que me pasou foi que caín nun charco, molleime todo e collín unha gripe que non dou botado fóra».—

Desde entón téñoo contado moitas veces como exemplo de disparate. Onte experimenteino en propia carne. A eso das oito da tarde camiñaba polo Paseo en Ourense, con cara de dolor e unha man tratando de aliviar a cabeza, cando me atopei cun amigo que me preguntou se me pasaba algo. Díxenlle a verdade, que acababa de recibir un golpe, pero sen darlle máis detalles que, como era de esperar, me requeriu a continuación. Cunha gran sensación de ridículo, conteille o que me sucedera, é dicir, que me deran cun caramelo mentres contemplaba a cabalgata dos Reis Magos. Foi como unha pedrada. Espero que non sexa un sinal de algo peor: que este ano os Reis me botasen carbóns.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xaneiro de 2000.