La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando estiven en Moscova hai anos, invitado pola Unión de Escritores Soviéticos, tiña unha intérprete chamada Tamara, que era unha muller intelixente, física nuclear de profesión, e sentimental. Un día, mentres me amosaba as tumbas dos heroes que están enterrados nos muros do Kremlin, detívose diante dunha lápida e botouse a chorar. Contoume que alí se atopaban as cinsas do astronauta Yuri Gagarin, morto uns anos antes. Pareceume unha reacción rara, que interpretei como unha mostra de patriotismo exaltado.

Pouco despois, mentres nos dirixiamos cara ao hotel Ukrania, onde nos agardaba un banquete impoñente, no que o caviar parecían cereixas máis que ovas de esturión, contoume que Gagarin morrera nun accidente de aviación, en parte porque preferira sacrificar a súa vida antes que caer sobre un barrio popular de Moscova.

Desde entón, como xa teño contado outra vez, o cosmonauta ten un altarciño no meu corazón. Como se recordará, despois da súa famosa viaxe espacial, Gagarin escandalizou a medio mundo ao afirmar que non vira a Deus. O caso é que, á hora da verdade, el entregou a súa vida polos demais. En cambio, eses piratas arxelinos que secuestraron un avión francés e que pasaron horas rezando, parece que tiñan a intención de lanzar o aparato contra a  cidade de París. Debeu ser o Deus desta xente o que non viu Gagarin.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de decembro de 1994.