La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha ocasión, falando con Fausto Martínez Biel, un paisano meu de Xinzo de Limia que tiña fama de tolo, pero que non era máis que orixinal e extravagante, pregunteille polo seu pai, que bautizara os fillos con nomes wagnerianos, entre eles Parsifal e Lohengrin. Díxome que nunca lle perdoaría dúas cousas: unha, que non lle puxese Sigfrido, en vez de Fausto, e outra que á única muller da familia lle chamase Pepita, cando puido elixir os nomes de Cósima, Flosshilde e incluso Tristán e Isolda, este último todo xunto.

De Wagner explicoume que non lle gustaba porque era un caloteiro, é dicir, un individuo que pedía cartos e que logo nunca os devolvía. Tampouco lle facía graza que fose tan pequeno. Para o meu paisano, un cabaleiro non debía deixar pufos e, polo que respecta á estatura, a elegancia empezaba no metro setenta e cinco.

Nunca escoitei unha descualificación de Wagner tan arbitraria, a pesar de que este músico esperta aínda hoxe odios irracionais. Eu mesmo non sei como valoralo. En Berlín asistín un día a unha representación de O ouro do Rin que durou seis horas, e saín desconcertado. Onte, por sorpresa, vin na televisión unha película sobre Tannhäuser e quedei marabillado. Tanto que aínda que os Reis non me deixen nada o día 6, xa me dou por contento. O mesmo que se ao meu amigo Fausto lle puxesen o nome de Sigfrido.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de decembro de 1995.