La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había en Ourense alá polos anos sesenta un señor moi poderoso que gozaba de grandes simpatías. Nunha velada na que coincidín con el, contou sen graza un chiste sobre un soldado que foi recibido cun entusiasmo  excesivo por parte dos asistentes. Noutra ocasión presenciei unha escena absolutamente cómica: un individuo que estaba sentado nunha terraza, cerca de min, púxose tan nervioso ao ver pasar o citado señor, que tirou con varias cadeiras e a punto estivo de tirar coa muller para ir saudar o prócer ao medio da rúa.

Cando o zascandil regresou ao seu sitio na terraza, transfigurado polo abrazo público que acababa de recibir, tivo que aturar un sermón da señora  agraviada, non pola falta de delicadeza cometida, abandonada case no chan polo ímpeto salutativo do seu home, senón porque este caera na descortesía de non presentala.

Anos despois, por unha arbitrariedade do destino, tan pouco propicio  naqueles tempos a darlle as costas á xente que estaba ben instalada, o home poderoso perdeu unha parte do seu poder. Empezouse a notar porque de pronto deixou de asistir ás cacerías con Franco; despois, porque lle quitaron o cargo que lle deran; finalmente, porque o meteron no cárcere. Cumprida a condena, un amigo meu foino ver e escoitoulle dicir: «O único beneficio que lle encontro á prisión é que te libra do agobio de ter  demasiados amigos».

 Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de decembro de 1994.