Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

A lingua dos gatos

22 de diciembre de 2011 a las 0:01

Estes día de chuvia e vento sigo sentándome polas noites cun libro na man, ó pe do lume. Hai que aproveitar estes sibaritismos inocentes que alegran o corazón o non lle fan mal a ninguén, nin sequera ó propio corpo, que é o que paga case sempre as alegrías que nos regala a vida. Estiven lendo ademais unha reseña longa sobre un libro raro, publicado en Italia no século pasado, sobre a linguaxe mímica dos napolitanos,  especialmente a que realizan coas mans. Eu antes non cría nesas cousas que se din sobre as características de cada pobo. Tiña o prexuízo de que se trataba dun prexuízo. Por fortuna, o tempo vai facendo a un cada vez máis libre, polo menos á hora de pensar.

Segundo puiden entender, algúns dos signos que se fan en Nápoles son máis ou menos universais, como os cornos, a figa ou a puñeta. Dubido en cambio, por exemplo, que unha puñeta feita por un napolitano sexa igual que unha feita por un americano. Quen teña visto a primeira estará de acordo conmigo en que ten unha contundencia absoluta e descarada que dificilmente se pode confundir coa frialdade técnica que lle imprimen os segundos.

Eso levoume a pensar que estaría ben estudiar a linguaxe corporal do gato Samuel. Poderíamos entendernos mellor e estaríamos ademais nun plano de maior igualdade, pois seguro que el coñece ben a miña lingua, non a que falo, por suposto, senón a quen interpreto co meu corpo na nosa relación. Sabe, por exemplo, que cando vou á cociña e abro o frigorífico, algo lle pode tocar, por eso, en canto ve que me levanto, xa vai detrás de min. Eu, sen embargo, non sei demasiado do que el me di, a non ser cando pon o rabo dereito (está enfadado) ou cando arquea o lombo e finxe ser un tigre (está furioso) ou cando se tumba panza arriba (está mimoso ou golfo) ou cando miaña (pide algo). Onte pareceume que chiscaba un ollo. Pura ilusión. Igual que pensar que os cans falasen sueco. Só o entenden.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de decembro de 2000.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario