La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei algunhas horas da tarde de onte cun grupo de amigos falando de fútbol. A cousa veu porque nos invitaron a facer un debate na Televisión Galega sobre ese asunto. Previamente comemos xuntos e foi unha pena que algunhas das historias que se contaron no xantar non saísen logo durante a gravación. Por exemplo, que algúns comentaristas arxentinos de radio  alteraban o resultado cando era contrario aos seus equipos, polo cal, a última hora tiñan que inventar rapidamente varios goles para dar o resultado real.

Polo demais, o programa debeu quedar divertido. Ningún dos presentes eramos forofos propiamente ditos e cada un coñecía aspectos diferentes do fenómeno. Estivemos de acordo en que o fútbol move paixóns e que resulta moi difícil de explicar por que razón un feito tan trivial como un gol produce tanto pracer ou dolor.

Nisto do fútbol, a min sempre me chamou a atención unha cousa que lle oín contar varias veces ao novelista peruano Alfredo Bryce Echenique. Polo visto, despois dos partidos internacionais que xogaba a selección do seu país, nos que case sempre saía derrotada porque os xogadores xogaban ao revés, os afeccionados, humillados polo desastre nacional, xuntábanse nos bares de arredor do estadio e volvían xogar o partido de palabra: «Se naquela xogada….». Alí gañaban. Os pobres sempre se consolaron con pouco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 1997.