La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Polo que teño contado outras veces nesta columna, xa se sabe que me gusta falar cos taxistas. Non sempre é posible porque hai algúns que non dan conversa e que prefiren ir en silencio, o cal resulta bastante comprensible, sobre todo ao final do día, cando levan oito ou dez horas de traballo. Non obstante, en xeral, aceptan o diálogo e moitas veces dan mostras de seren magníficos contertulios. Eu aínda recordo unha carreira longa que fixen en Madrid cun deles, antigo lexionario, que levaba tatuado no brazo dereito a palabra «Wolf», que significa «lobo» o mesmo en inglés que en alemán. Foi como asistir a unha sesión de cine de suspense e aventuras.

Onte mesmo collín un taxi a media tarde e aínda que o traxecto non era longo, as dificultades do tráfico fixeron que durase máis do que pensaba nun principio. Foi unha sorte porque o taxista pagaba a pena, falador e cordial, a pesar de ser moi pesimista. Tiña teorías. Unha delas sobre o diñeiro, ao que el non lle concede valor real, pois non hai ouro suficiente no mundo capaz de avalar os cartos que circulan.

Con todo, a súa gran preocupación era a economía en xeral, que me pareceu que contemplaba cos ollos resignados de quen está convencido de que o mundo camiña de xeito inevitable cara ao desastre, ao cal se refería constantemente coa palabra «colapso». Segundo a súa opinión, a xente gasta sen sentido. El mesmo, por exemplo, foi devolver o outro día unha camisa e uns pantalóns que lle mercou a muller e que non necesitaba. «Por ese lado -dixo- vai vir o colapso». Pregunteille en que consistiría. Miroume fixo, como tratando de captar a miña atención, tomou aire e dixo seco e tallante: «Un día apagarase a luz para sempre». Deixoume preocupado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 1998.