La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

¿Canto lle pagaría ese soldado francés das forzas das Nacións Unidas que interveñen en Somalia, a esa muller que vimos na televisión e que a punto estivo de ser linchada por prostituírse cun estranxeiro? Seguro que pouco. Na miseria, os ricos adoitan ser máis cutres que xenerosos. Aínda así, por roñosa que fose a cantidade, talvez unha cifra en francos equivalente a cen ou duascentas pesetas, naquel país arruinado dá para vivir unha semana. Se o francés pagase tarifas europeas, a rapaza podería rirse da pobreza durante un ano.

Por riba de ser explotada, a pobre tivo que soportar unha paliza mortal e ver o rostro maldito do fanatismo chuspindo insultos a poucos centímetros da súa cara. O problema, manifestación pura dun tribalismo homicida, probablemente non ten nada que ver coa moral sexual daquela parroquia, senón co sentimento infantil e machista de que veñan os de fóra e leven as mozas máis guapas do lugar.

O que nos distancia a nós, habitantes do occidente rico e democrático, desa escena arrepiante que contemplamos na televisión, é un delgado muro composto na súa maior parte por circunstancias e nunha pequena proporción por cultura e outros feitos apenas cuantificables. Esa débil diferenza é a que nos permite non matarnos. Non obstante, cómpren toneladas de fría razón para gañar soamente algúns milímetros nese espesor que nos separa. Por iso non se entende que algúns profetas prediquen o incendio do corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de decembro de 1992.