La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Italia parece que alguén atopou un documento que demostra que o conde de Cagliostro non morreu no cárcere dun derrame cerebral, como se pensaba ata agora, senón que o matou un frade, máis exactamente o seu confesor, dunha puñada na cabeza. Non sei se esa será a razón de que os responsables da biblioteca do Vaticano, onde se custodia o expediente do proceso que lle abriu a Inquisición a aquel señor, se sigan negando aínda hoxe a permitir a súa consulta aos historiadores.

A verdade é que o asunto da puñada non engade máis crueldade ao que xa sabemos que fixeron con aquel desgraciado. Foi precisamente por consello doutro confesor que se quixeron desfacer del noutra ocasión. Daquela convenceron a súa propia muller de que lle untase as escaleiras con xabón para que se esnafrase.

Aínda houbo cousas peores. Hai que imaxinar o elemento, sometido a interrogatorio, respondendo á acusacións deste tipo: se era certo que transformara a capela da súa casa nun retrete ou que se miraba espido no espello ou que levaba un lazo branco en salva sexa a parte do seu corpo… E o Papa, escondido detrás dunhas cortinas, escoitando aquelas bobadas. Non sei que máis se pode atopar nese expediente oculto, a non ser as probas de que despois de matalo o converteron en salchichas e o comeron…

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de decembro de 1995.