La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Falei onte aquí do escultor Arturo Baltar, a quen atopei o outro día en Ourense, no mesmo sitio onde está instalado o seu famoso belén. Encontreino mozo, a pesar de que sempre dixo que naceu o ano do descubrimento de América. A verdade é que non aparenta tanta idade. Cando eu o coñecín, alá polos sesenta, andaba desgustado porque aseguraba ser autor do ciborio da catedral e que nunca lle pagaron a obra. Queixábase a don Vicente Risco. Un día, este último díxolle que probablemente todo se debía a unha confusión, pois os libros de historia aínda hoxe atribúen o citado ciborio, construído no século XVI, a Rodrigo de Badajoz.
Como saben todos cantos o coñecen, Baltar sempre foi moi andaluz, aínda sendo tamén moi ourensán. Esa cousa vénlle da época en que andou cos títeres dos xitanos. Daquela, ademais de facer de cabra, como contei onte, cantaba. Chamábase «El Niño de la Alhambra», un nome artístico que nos labios do público foise transformando, primeiro en «El Niño del Alambre» e despois en «El Niño del Hambre».
No seu belén, en exhibición permanente na capela de San Cosme e San Damián, hai un grupo escultórico que sempre me conmoveu. Trátase de catro figuras, unha nai e tres fillos postos diante dun fotógrafo das feiras, con  decorado detrás. Son o propio escultor, cando era neno, coa súa nai e os seus irmáns. A familia quería ter unha foto, pero nunca chegaban os cartos. Foi esa a razón que levou ao artista a reparar aquela inxustiza cando fixo o seu célebre belén. A señora, situada no centro, está moi guapa e moi feliz.  Resulta comprensible. Desde logo é difícil que ningunha outra familia no mundo teña un retrato tan fermoso, feito con tanto amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 1997.