La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu viu o outro día unha águia pousada nunha leira. Estaba no medio da finca, peteirando con calma, igual que fan as galiñas cando comen uns graus de millo que se atopan esparexidos polo chan. Amante e coñecedor da natureza ademáis de curioso, o meu amigo achegouse para ver en qué consistía o banquete do animal, pois non lle parecía que aquela maneira de comer se correspondese coa actitude de alguén que dá conta dun coello ou dun pito. Naturalmente, en canto o home se aproximou, a águia fuxiu voando, pero sen alonxarse, quizais coa intención de reanudar o festín en canto desaparecese o perigo humano, sen dúbida o único que podería causarlle graves problemas naquela situación.

Cando chegou ó sitio, o meu amigo descubriu que a águia estaba comendo miñocas, non unha a unha, que sería como a demostración de que a ave tiña fame, senón bolas enormes, formadas por centos delas. Nese momento, a cabeza analítica do curioso, un home de formación científica relacionada coa natureza, púxose a traballar para encontrarlle explicación a un fenómeno que lle resultaba incomprensible. Finalmente, deu coa clave do enigma.

Segundo me explicou, a causa de tan raro comportamento ten que ver co feito de que algúns labradores verten nos campos os líquidos orgánicos que sacan das cortes, como fixeron sempre, empregando como abonos os estercos. O que sucede é que antes todo esto ía  misturado con toxo e que gracias ás propiedades deste último, os citados restos non consumían o osíxeno da terra. Agora, en cambio, arrasan con el, de maneira que as pobres miñocas, tan beneficiosas, morren como peixes nun río contaminado. Benefícianse as águias, pero perxudícanse os campos. Alguén tería que explicar estas cousas sinxelas, que preocupan menos que os nenos saian das escolas sen saber quen foi o Cid Campeador. A cultura non só ten que ver cos libros, senón coa vida, incluída a das miñocas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de decembro de 2000.