La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación coa historia do conde austríaco Francisco Xosé Kueffstein, o alquimista de quen falabamos onte, que chegou a crear no seu laboratorio dez homiños diminutos, debo dicir que non se tratou de ningún suceso menor no seu tempo e que tivo  transcendencia. Coñecemos os detalles do ocorrido grazas ao testemuño escrito do seu secretario e axudante, Kammerer, que nos transmitiu un texto fantástico. Por el sabemos como se fixeron as citadas criaturas, pero sobre todo temos noticias de cal foi finalmente o seu destino.

Mentres foron noviños, os pequenos non deron guerra, pero conforme empezaron a medrar, viñeron as primeiras dificultades. Un día, por exempolo, cando Kueffstein lles estaba dando de comer, o cura, que tiña mal xenio, mordeuno nun dedo. Foi algo así como a picada dun piollo, pero causoulle dor e febre.

Pouco despois, o rei, que ata entón non fixera outra cousa que dar bos consellos, empeñouse en discutir de política; o anxo, que compartía redoma cos trasnos, mordíaos sen parar; por último, o cura caeu un día no tubo de cristal onde vivía e morreu: enterrárono no xardín metido nunha caixiña feita de cartulina negra. O diario de Kammerer remata con este último suceso e di que despois disto, Kueffstein, inducido pola súa muller, que sentía escrúpulos de conciencia, acabou cos homiños, aínda que non explica como.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de decembro de 1994.