La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñezo un periodista que di que neste país, ás nove da mañá de cada día, xa está toda a carne picada. É dicir, que cinco minutos despois de iniciadas as primeiras tertulias radiofónicas, non queda nada en pé: o goberno convertido nunha cuadrilla de bandidos; os periódicos que non berran nin cultivan o dramatismo, acusados de seren cómplices da catástrofe; as persoas que non caen ben, insultadas por alias, como se fosen delincuentes… E toda esa trapallada, disfrazada de discurso moral e responsable.

Unha comedia: así hai que ver este inmenso desatino. Non comparto a visión desesperada dos que estiman que un despropósito semellante nos conduce de forma inevitable á catástrofe. Non se poden tratar as manifestacións cómicas da vida humana coa gravidade das traxedias, senón coa lixeireza dos sainetes.

Toda esa multitude de tráxicos e apocalípticos que de pronto lle saíron ao país son simplemente comparsas dunha ópera bufa, non actores serios do drama horrible que eles mesmos aseguran que están representando. Poñerse serios con estas cousas sería tan pouco adecuado como botarse a chorar neses espectáculos teatrais dos colexios onde resulta evidente que os puñais dos asasinos son de madeira pintada de purpurina e o sangue das vítimas non é máis que tomate pasado polo batedor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de decembro de 1993 .