La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vin a París para dar unha conferencia sobre Gonzalo Torrente Ballester. Confeso que non é un tema que me guste porque, á hora de falar do escritor, xúntanse na miña memoria as lembranzas do amigo e non me resulta fácil separar unha cousa da outra. As novelas de Torrente coñézoas como lector, pero tamén sei delas polas moitas horas que falei co seu autor. Algunhas incluso as vin elaborar e fun seguindo o proceso da súa escritura a través de conversas e comentarios do propio novelista. Polo tanto, a miña visión é moi peculiar. Por outra parte, sucede que coñecín a varios personaxes, quero dicir que tiven a ocasión de tratar a persoas reais nas que Torrente se inspirou para crear personaxes de ficción.
Cada vez que leo Fragmentos de Apocalipsis, por exemplo, non podo imaxinar a Lenutska, a rapaza rusa que anda pola novela adiante, sen acordarme de Helena, a moza a quen coñecín un día na casa da Ramallosa e que lle serviu de modelo ó escritor, da mesma maneira que non podo ver a esta muller de carne e óso sen que, entre a súa figura eslava de pómulos anchos e poderosos, se interpoña o delicado personaxe literario que inspirou.
Todo esto, dito en París, no Colexio de España, acaba sendo máis un testemuño persoal  que unha conferencia sobre literatura, que parecería o máis adecuado para aquela institución. Non obstante, creo tamén que da obra literaria de Torrente pode falar moita xente, e con sabiduría académica, pero son poucos os que poderían abordala desde unha perspectiva tan especial. Por outra parte, hai anos que non me interesa demasiado o que se escribe sobre os libros dos demais, entre outros motivos porque, salvo as excepcións de persoas que todos sabemos, intelixentes e cultas, que por fortuna aínda hai unhas cantas, abundan demasiado as que non din máis que cousas sen interés. Polo menos, falar do home que eu coñecín ten un atractivo seguro. Por Torrente, naturalmente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de decembro de 2000.