La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha revista americana apareceu hai días un extenso artigo sobre a importancia que na vida pública de Serbia ten a muller de Slobodan Milosevic. O autor asegura que se trata dunha fanática radical, máis aínda que o seu home, e que exerce sobre el unha influencia grande nos asuntos de Estado. Debe ser certa a valoración do periodista, pois a pesar de que a nai desta señora foi torturada ata a morte pola policía política do estado comunista creado por Tito, ela non tivo inconveniente nin escrúpulos en afiliarse ao partido dos asasinos.
A señora Milosevic, que sente a paixón da política, é a fortaleza do seu home, un túzaro desalmado que, non obstante, posúe tamén algunhas debilidades humanas. Fillo de pais suicidas, vese eternamente perseguido polas fantasmas de ambos os dous, aos cales tivo que contemplar ademais nese dramático e horrible xesto final que compoñen case sempre aqueles que se tiran a vida.
Para esta muller arrebatada, que considera os croatas como miñocas repugnantes e que lamenta a sorte dos eslovenos porque conseguiron librarse da furia fratricida do seu home, o comunismo non fracasou, simplemente foi traizoado. Por iso mesmo ten confesado que no que dependa da súa vontade está disposta a repetir a historia, pois considera que coa corrección de pequenas equivocacións todo o pasado pode ser salvado. O malo é que algunhas destas equivocacións, como a morte da súa nai, xa non teñen remedio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de decembro de 1992.