La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, cando falei aquí do lobo Ramiro, unha amiga preguntoume se era costume en Galicia que os lobos tivesen nome. A verdade é que non o sei. Eu coñecín a tres bautizados: este ao que me referín, outro que se chamaba Toribio, do cal me falou varias veces Ánxel Fole e que creo que operaba polo Incio, e un terceiro que respondía por Genaro, con toco nas terras de Pintás, na raia seca, e de quen o meu paisano Euloxio Portela sostiña que era portugués. Este caeu nun cepo, vítima dunha trampa, alá polos anos cincuenta.
Nisto dos nomes, con excepcións como estas das que estamos falando, a cousa estaba reservada aos animais domésticos. As vacas, por exemplo, sempre levaron nome, igual que os cans; mesmo os gatos, aínda que estes non sempre, pois teño para min que se trata de costume recente. Os porcos tampouco gozaban dese dereito.
Aínda así, eu coñecín un porco que se chamaba Arturo. Era duns xeólogos holandeses que andaron facendo traballos na Limia nos anos sesenta. Non o tiñan para a ceba, senón como animal de compañía. Cando marcharon, deixáronllo a uns paisanos co encargo de que o coidasen. Por petición dun dos xeólogos, Salle Kroonenberg, eu fun unha vez interesarme polo cocho. Deume mala impresión cando me decatei de que se referían a el simplemente como o marrán, quitándolle o cristián. Papárono deseguida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de decembro de 1994.