La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O taxista que me levou o outro día desde o aeroporto do Prat ata Barcelona era home falador e simpático, a pesar das aparencias. Digo esto último porque, a primeira vista, pareceume algo túzaro, máis que nada porque levaba o pelo pincho, como cepillo de fregar, e ía vestido dun xeito zarrapatroso, con aspecto de socialista, según diría José Luís Varela, que lle chama así ós que van mal vestidos. Logo resultou ser un señor agradable, que prendía na fala a golpes de hipo, en forma tatexa. Falando, confesoume que era cazador furtivo e que aquela tarde marchaba a Cuenca coa familia, a ver se cazaba un cervo co flamante remington de repetición que acababa de mercar nunha subasta de armas da policía.
Naquel momento pensei que estaría ben poder enviarlle recado ó cervo, avisándoo de que aquel home ía por el. Desgraciadamente, o mundo aínda non está tan ben feito. Só cabe esperar que o animal teña sorte, cousa nada fácil, pois o taxista cazador, polo que me contou, sabe moito do asunto e coñece perfectamente os costumes das súas víctimas, as horas máis apropiadas para sorprendelas, e os camiños, e incluso as trampas para confundilas.
O furtivo non só se dedica ó cervo, senón tamén ós paxariños. Cólleos con rede en Sevilla e lógo véndeos a novecentas pesetas en Barcelona, un prezo ridículo se temos en conta que algúns deses exemplares, cando saen cantaríns, poden chegar a valer cento cincuenta mil. De cada viaxe, o home trae entre cuarenta e cincuenta desgraciados. Eu pregunteille se non tiña remordementos e respondeume cunha pregunta: «¿Usted come pollo?».  Respondinlle cun sorriso e a continuación contoume que unha vez, facendo unha carreira cun par de clientes, obrigounos a saír do taxi porque ían contando cómo a víspera comeran unha empanada de paxaros. Calei a boca, por medo a que averiguara que, ás veces, eu como polo e que me mandase baixar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de decembro de 2000.