La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para achegarse ao Muro das Lamentacións, en Xerusalén, hai que levar kipa, é dicir, esa especie de solideo que os xudeus practicantes poñen no cocote. De maneira que,  cubertos con ese adminículo, alá nos fumos un grupo de amigos a mesturarnos cos xudeus ortodoxos, todos vestidos de negro, que naquel momento facían as súas oracións. Un destes últimos, vello de barbas brancas con aspecto venerable, foinos collendo un por un para darnos a bendición mentres cantaba impoñéndonos a man sobre a fronte. Pareceume un detalle simpático, incluso algo emotivo. Eu non sabía que o home facía aquilo a cambio duns dólares, que cobrou feliz.

Polo demais, a Xerusalén histórica é unha cidade moi fermosa, aínda que os lugares relacionados coa vida de Xesús resultan un pouco decepcionantes, o mesmo o Monte das Oliveiras que o Horto de Xetsemaní. O máis atractivo, polo menos para min, é a convivencia que se dá entre as relixións, aínda que non puidemos visitar as dúas mesquitas situadas na esplanada do Templo, que onte pecharon sen avisar. Comimos en Belén, unha cidade que está sendo remozada de arriba a abaixo, hoxe convertida en territorio autónomo palestino.

Nela conviven sen problemas, palestinos cristiáns e musulmáns, que residen en Israel, pero non teñen a condición de cidadáns do país. Polo que se pode deducir, os seus habitantes viven en parte do turismo e as peregrinacións que acoden a visitar a cova na que, segundo a tradición, naceu Xesús de Nazaret. Hai bos restaurantes e tendas de calidade. Por certo que entramos nunha delas para comprar algúns recordos e, de repente, o dono, un palestino que falaba español, berrounos: “¡Viva don Manuel Fraga!”

 Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de novembro de 1998.