La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Bótase de menos, entre os moitos libros que están aparecendo sobre Franco, algún que tratase dos gustos gastronómicos do xeneral. Sería un procedemento bastante seguro para coñecer en parte a súa maneira de ser, ese enigma psicolóxico que tanto preocupa agora a historiadores e biógrafos. Parece que segundo teñen revelado algúns familiares do personaxe, ao habitante do Pardo gustáballe a tortilla de pataca, feita expresamente por un garda civil, e que non desprezaba nin a mortadela nin o salchichón.

En cuestións de gustos culinarios, dona Carmen non conseguiu nunca dobregar os hábitos castrenses do seu home, parco en todo canto afectase ao regalo dos sentidos. Na pugna desatada entre a elaborada cociña burguesa dunha señorita ovetense e os  simplificados pucheiros frugais dunha pobre casa ferrolá, gañou sen esforzo a ascese cuarteleira da intendencia militar.

Por estas cousas da cociña, a punto estivo de ser cesado un gobernador civil de Ourense, que nunha visita á cidade agasallou a Franco cun rumbo e un luxo gastronómicos que o molestaron. A isto sumouse que o tal gobernador, na sobremesa, empeñouse en  convencer ao invitado de realizar un proxecto extravagante: facer o Miño navegable. Irritado, o Xefe do Estado dixo que non. Entón interveu dona Carmen, protectora do poncio, e evitou o desastre. Dirixiuse sorrindo ao seu home dicindo: “Déjalo, hombre, ¿por qué le vas a quitar la ilusión?”

Esta columna foi publicada orixinalmente o 12 de novembro de 1992.