La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

 Onte falei aquí do padre Leopoldo Durán e do seu amigo Graham Green, sobre o cal acaba de publicar aquel un novo libro. Foi curiosa a relación do escritor británico con Galicia, que coñeceu grazas ao seu biógrafo. Cada verán, durante anos, o célebre novelista viña ata o noso país. Facía unha primeira parada en Ourense para comer ou cear no San Miguel. Logo achegábase a Oseira, un lugar que lle agradaba e onde compartía algunhas horas de silencio cos monxes cistercienses, co padre Juan María, encargado das obras, a quen Green chamaba “mestre insigne de andamiadas”, ou o padre Honorio, bautizado polo escritor como “cara de santo”.

Desde Oseira, Graham Green ía ata As Regadas, para visitar ao señor Antonio, un campesiño do lugar, con bo viño, gaiteiro, poeta e filósofo sen letra. Era unha das visitas que máis lle agradaban, en parte porque se entendía moi ben con aquel home, a pesar de que falaban linguas diferentes e non tiñan ningunha en común. O señor Antonio das Regadas foi o modelo de Diego en Monsignor Quixote.

E o monseñor protagonista da novela está inspirado no padre Durán. Como el mesmo ten contado, a maior parte das historias e as situacións que aparecen no relato están sacadas das viaxes que ambos os dous amigos fixeron por España e Portugal durante anos. A Galicia correspóndelle tamén unha cota. Son curiosas as páxinas do final do libro, referidas aos emigrantes galegos das terras de Avión que marcharon a México. Confeso que me agrada esta novela, tan diferente, non obstante, do tipo de narracións que a min  me gustan. Cando a leo, penso en Leopoldo Durán, Monseñor Quixote. E cando estou falando con el, paréceme que falo con Green.

 Esta columna foi publicada orixinalmente o 11 de novembro de 1998.