La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño coñecido varios estafadores. Todos son xente intelixente e simpática. Un deles invitoume a dar unha conferencia en Alicante, alá polo ano 1983. Nada máis velo no aeroporto, xa me dei conta de que era un elemento, pero era tarde para librarse das súas poutas. De maneira que o tiven que invitar a comer, a el e á súa moza, porque esquecera a carteira na casa e finalmente acabou por pagarme os billetes de avión cun cheque sen fondos. Iso si, uns meses despois mandoume un abrazo por un amigo.

Nunca máis volvín saber daquel individuo, aínda que estou seguro de que, en caso de atoparnos fronte a fronte, o primeiro que faría, antes de intercambiar unha soa palabra, sería darme un abrazo sonoro, cordial, desbordado. Confeso a miña incapacidade para botarlle unha bronca a un tipo semellante, vencido pola súa graza.

Todo o contrario do que me sucede con esa señora, responsable dunha importante institución estatal, que aseguran que imitaba a voz da raíña e a muller do presidente do Goberno para enganar a pintores e propietarios de galerías de arte. Non é que esa maneira de comportarse non sexa propia dun estafador, que o pode ser, e que careza do enxeño típico desta clase de xente, senón que non se corresponde con alguén que ocupa un cargo oficial. Esas cousas, feitas desde un despacho, carecen de mérito e non teñen graza.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de novembro de 1995.