La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Foi soamente un segundo. Estaba eu nunha comisaría sueca facendo unha denuncia porque un alcohólico me roubara a bicicleta. Acompañábame o propietario da máquina. Detrás do mostrador, unha rapaza fermosa e nova facíame preguntas e máis preguntas, todas elas sacadas dun formulario que sostiña nas mans. Nun momento advertiume de que da resposta que dese dependía que o seguro me comprase unha bicicleta nova ou non. Tratábase de saber se a bicicleta estaba pechada co dispositivo do seguro.

Confeso que dubidei un segundo, pero antes de que me viñese a resposta á boca, xa o propietario dixera que non, perdendo así toda posibilidade de que o seguro lle aboase o diñeiro correspondente. Cando volviamos para a casa, pregunteille cantos anos levaba pagando e se en todo ese tempo re – cibira algo a cambio. Contestoume que non, pero que non estaba disposto a mentir.

Nese segundo que eu dubidei cabe todo un drama moral: a distancia que separa unha sociedade estrita e puritana, aínda que tolerante e comprensiva, doutra relaxada e pouco escrupulosa, pero hipócrita e farisaica. É lóxico, polo tanto, que en Suecia, onde condutas como a descrita non teñen nada de heroicas nin excepcionais, non haxa apenas escándalos políticos e que os casos de corrupción sexan máis ben raros. Se a sociedade española fose tan decente como parece cando se escandaliza, tería uns políticos inmaculados.

Esta columna foi publicada orixinalmente o 8 de novembro de 1992.