La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O cine Pipa Verde forma parte da historia da miña infancia. Inventouno o Quinito Peláez, un mozo solitario, melómano e imaxinativo, moi popular en Xinzo alá polos anos cincuenta, que pasaba o día discorrendo cousas. Un día díxome que no cine Pipa Verde puñan unha película titulada La caca de la Paca. Non existían nin o cine nin a película, por máis que el xuraba que o local estaba na rúa de San Roque, nun sitio raro, un patio traseiro ou algo así. Outro día faloume dun filme que se chamaba En París, los franceses hacen pis.

En xeral, as películas do cine Pipa Verde eran todas dese mesmo tipo: El Papa se relaja, El culo de don Cirulo, La meada de la criada e outras que xa non recordo. Durante unha tempada non pequena, eu crin na existencia daquel cine, ata que un día o meu pai me dixo que me estaban tomando o pelo. Aínda así, resistinme.

Agora leo que en Holanda, o propietario dun cine antigo acaba de ser denunciado por derrubar o local sen o permiso correspondente. Como resposta para defenderse, o señor aduce que alí nunca houbo un cine, senón un bar, o cal está en contradición descarada co testemuño de miles de persoas que aseguran que pasaron por aquela sala de proxección, onde viron moitas películas ata hai vinte anos. Trátase do cine Pipa Verde, pero ao revés. Claro que entre inventar un cine ou borralo, eu quédome co primeiro.

Esta columna foi publicada orixinalmente o 7 de novembro de 1997.