La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das últimas veces que estiven con Álvaro Cunqueiro na súa casa de Vigo, cando o escritor era xa un home enfermo e melancólico, díxome que pensaba escribir un dicionario de anxos. Contoume que coñecía o nome duns trescentos e que lle sabía a vida á maior parte deles, incluído un que era de Lugo. Ao decatarse do meu sorriso, aclaroume que había anxos nacidos en case todos os países do mundo, excepto en Rumanía, un lugar onde non se daban estas criaturas, aínda que el non sabía cal era a causa.

No século pasado fíxose famosa unha costureira de Siena, Giuliana Navarra, que aseguraba coser para un querubín. Houbo peregrinacións para ver esta señora, que por unha esmola voluntaria, entregaba a cambio fíos das túnicas que facía para o ser celestial. A pesar das falsificacións, aínda se conservan algúns.

En cuestión de anxos, España foi sempre un país atrasado. Eu recordo que cando estudaba o bacharelato, os profesores de literatura afirmaban que a aparición do arcanxo san Gabriel no Cantar de Mío Cid era un elemento fantasioso, é dicir, un pegote espurio nunha literatura esencialmente realista como a española. Por iso a min me parece moi ben o proxecto de crear un museo dedicado aos anxos no castelo segoviano de Turégano. Ademais, para conservar as plumas hai hoxe medios técnicos absolutamente eficaces.

Esta columna foi publicada orixinalmente o 5 de novembro de 1994.