La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei nada sobre Adolfo López Mateos, a non ser que foi presidente de México alá polos anos sesenta e que era bibliotecario de profesión e profesor. Polo tanto, ignoro tamén todo canto se refire ao seu labor como primeiro mandatario do país. O que vou contar, non obstante, ten valor en si mesmo, máis alá desas circunstancias. Trátase dunha historia que lin nunha entrevista, posta en labios do seu secretario, probablemente certa. A cousa empezou cando este lle preguntou un día qué se sentía cando un detentaba tanto poder.

O antigo presidente respondeulle que o primeiro ano, cando alguén se achegaba e lle dicía que era Deus, sentía repugnancia por tanto servilismo. O segundo ano, limitábase a dar as grazas; o terceiro recibiuno como un cumprido bastante agradable; no cuarto empezou a pensar que se debía tratar dunha esaxeración.

Foi no quinto ano dos seis que duraba o mandato cando, ao mirarse no espello, unha mañá sorprendeuse a si mesmo facéndose unha pregunta: “¿Será certo?” Por último, cando chegou o sexto e último e alguén o volveu comparar con Deus, fixo un alto no camiño para iniciar unha reflexión e averiguar por que non se tiña suicidado o ano anterior. A historia é sobre todo enxeñosa, o cal lle presta atractivo, que é a virtude do enxeño, e lle quita profundidade, que é o seu pecado. Un ten a impresión de que o señor presidente foi bastante feliz.

Esta columna foi publicada orixinalmente o 4 de novembro de 1995.