La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo na televisión ese señor vasco que secuestraron hai tres meses e que por fin está en liberdade. Pareceume un bo tipo, intelixente e sereno. A falta de rancor con que describiu o caixón onde o tiveron metido, a naturalidade con que se referiu á censura que practicaban os carcereiros cando lle entregaban os periódicos recortados, a descrición da tortura en que consistiu o seu cativerio, agranda dramaticamente a diferenza entre a súa estatura moral e a dos seus verdugos.

El foi preso ilegalmente; os outros prendérono pola forza. El tivo que comprar a súa liberdade por varios centos de millóns; os outros quedaron cos cartos. El converteuse no símbolo da paz para centos de miles de cidadáns vascos; os outros prefiren a violencia. Por el, a xente puxo un lazo azul; os outros puxeron ratas.

Postos nunha balanza, dáme a impresión de que a lei, a liberdade, a paz e o lazo azul son unha causa que pesa moitísimo máis que a forza, os cartos, a violencia e as ratas. Se a isto lle engadimos a imaxe deste home mozo e tranquilo, sorrinte, sen rancor, sen complexos e sen medo, e a comparamos co rostro patético deses portavoces dos outros que tratan de xustificar con argumentos imposibles unha acción tan pouco nobre, a sorte parece que está decidida. Aínda que tarde.

Esta columna foi publicada orixinalmente o 2 de novembro de 1993.