La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Neste capítulo de golfos que iniciamos hai uns días non podería faltar un ourensán xa desaparecido, ben coñecido na cidade, que vivía ao que saltase. A min, cada vez que me atopaba, vendíame algo. Nunha ocasión encontreino nun restaurante en Bilbao e antes de que me dese tempo a saludalo xa me estaba colocando unha caixa negra de plástico que se chamaba Banca Monster e que consistía nunha manciña branca do mesmo material que saía de dentro e agarraba as moedas que lle puñan ao alcance, como se fose xente.

Pouco tempo despois vin a mesma caixa nun comercio e observei que valía algo así como cinco veces menos o prezo que eu pagara por ela. Naturalmente, cando tiven ocasión fíxenllo saber ao amigo. Coa graza que tiña, díxome: “Non me digas que prefires ir a unha tenda e non que che sirvan a domicilio”.

A última vez que o vin, pouco antes de morrer, nada máis verme, amosoume unha foto que levaba na carteira: estaba ao lado do Rei. Explicoume a verdade. Fora nun xantar oficial en Barcelona, no que o contrataran como camareiro. En realidade, parecía un ministro. Supoño que a tal fotografía lle debeu servir para algunhas trampiñas de pouco rango, pecados contables en pesetas, nunca en pesos, moito menos en dólares. Para a alta delincuencia faltábanlle estudos e relacións; sobráballe intelixencia, quizais tamén algo de corazón.

Esta columna foi publicada orixinalmente o 1 de novembro de 1996.